logo

CASOS DE ÉXITO

SpecTUNA

SpecTUNA podería revolucionar a industria de conservas de atún ao conseguir automatizar e optimizar etapas preparatorias da materia prima

O proxecto SpecTUNA, “Sistema modular automatizado para o corte e a clasificación de atún conxelado utilizando caracterización hiperespectral”, combinará diversas tecnoloxías como a robótica avanzada e a tecnoloxía de visión hiperespectral para a automatización dos procesos de posicionamento, corte e clasificación de atún conxelado. O proxecto enmárcase na convocatoria proxectos demostrativos para unha Economía Azul Sostible do programa FEMP da Comisión Europea e ten unha contribución pola súa banda de algo máis de 1,1 millóns €, equivalente a un 65% do orzamento global.

SpecTUNA céntrase no deseño dunha célula robótica que reúne varias tecnoloxías habilitadoras dentro do ámbito da industria 4.0. Este robot sensorizado permitirá extraer de forma autónoma pezas de peixe conxelado de ata 10 kg dun contedor, onde se sitúan ao azar. Unha vez que o robot seleccionou a materia prima, procederá a cortar a cabeza e a cola, para posteriormente clasificala mediante parámetros de medición de tecnoloxía de visión hiperespectral, como a cantidade de graxa, sal, proteína ou humidade. Desta maneira, os peixes poden clasificarse de maneira flexible e exacta con vista aos procesos de produción posteriores.

Palabras clave

Alimentación
Robótica avanzada
Visión hiperespectral

Centro Tecnolóxico

ANFACO-CECOPESCA

Data

2019-2021

ANFACO - SpecTUNA

No ano 2017 capturáronse, a nivel mundial, máis de 4,7 millóns de toneladas de túnidos. Se falamos de produción de conservas e preparados de atún, a produción mundial do ano 2016 (últimos datos dispoñibles da FAO) foi de máis de 2 millóns de toneladas e na UE esta cifra alcanzou o 19% da produción mundial de conservas e preparados de atún, ocupando España un papel destacado. A crecente demanda deste tipo de alimentos, provoca, ademais, que o mercado europeo de maquinaria de procesamento de alimentos estea en auxe.

ANFACO - SpecTUNA

Neste contexto, o desenvolvemento do proxecto SpecTUNA revolucionará a industria de conservas de atún ao conseguir automatizar e optimizar todas as etapas preparatorias da materia prima, como o corte e clasificación dos atúns conxelados, permitindo, ademais, unha análise non destrutiva peza por peza, mellorando a capacidade de control de calidade. Isto supón un salto disruptivo na industria actual o que contribúe a aumentar a competitividade do sector europeo de conservas de peixe, formado principalmente por pemes, e a posicionalo mellor fronte a competidores como Tailandia.

ANFACO - SpecTUNA