ATIGA aborda coa Xunta a nova estratexia para industrializar a innovación en Galicia
A Xunta prevé impulsar unha iniciativa de compra pública precomercial para desenvolver novas tecnoloxías e favorecer a súa industrialización nos sectores estratéxicos de Galicia.
Os responsables de AIMEN, ANFACO-CYTMA, CETIM, CTAG, GRADIANT e ITG analizaron coa conselleira María Jesús Lorenzana o papel dos centros tecnolóxicos na transferencia de coñecemento e a competitividade empresarial.
Transformar os avances tecnolóxicos en novos produtos, actividade industrial e emprego cualificado. Este é un dos principais retos que centraron a reunión mantida o 17 de outubro entre os responsables da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) e representantes da Xunta de Galicia en Ferrol.
O encontro contou coa participación da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a directora do IGAPE, Covadonga Toca, xunto ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros.
Pola parte de ATIGA asistiron Jesús Lago, presidente da alianza e director xeral de AIMEN; Luis Pérez Freire, vicepresidente de ATIGA e director xeral de GRADIANT; Roberto C. Alonso, vicepresidente de ATIGA e secretario xeral de ANFACO-CYTMA; Antonio Pons, director xeral de CETIM; Luis Moreno, director xeral de CTAG; Carlos Calvo, director xeral de ITG; e Fernando Val, director xeral de ATIGA.
Durante a reunión abordáronse as principais liñas de actuación da Xunta en materia de innovación empresarial, con especial atención ao novo programa Industrializa a Innovación, unha das medidas previstas na primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial.
Un programa de 66,5 millóns para levar a innovación á industria
A conselleira avanzou que o Goberno galego prevé destinar 66,5 millóns de euros ao programa «Industrializa a Innovación», co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de novas tecnoloxías e favorecer a súa posterior industrialización en Galicia.
A iniciativa contempla o uso da compra pública precomercial, un instrumento que permite promover o desenvolvemento de solucións innovadoras para responder a necesidades tecnolóxicas aínda non cubertas polo mercado. A Xunta pretende estender este modelo, que xa se está a aplicar nos ámbitos de defensa e seguridade, a outros sectores industriais estratéxicos da comunidade. Lorenzana sinalou que os centros tecnolóxicos están chamados a desempeñar un papel destacado nesta iniciativa, mediante o liderado de consorcios capaces de desenvolver novos produtos e tecnoloxías con potencial para a súa industrialización en Galicia.
A conselleira tamén avanzou que a planificación orzamentaria dos próximos anos contempla máis de 400 millóns de euros para innovación empresarial, no marco dunha estratexia que busca xerar maior valor engadido, reforzar o tecido industrial e favorecer a creación de postos de traballo de alta cualificación.
ATIGA, na primeira liña da innovación tecnolóxica nacional a través de meetechSpain 2026
Fabricación aditiva na industria: construíndo a presente capa a capa
A Cidade das TIC da Coruña é xa unha realidade
Salvador Naya (UdC): “Queremos que a AESIA atraia inversión e talento”
ATIGA acude a MeetechSpain 2023 para difundir a fortaleza da innovación galega
Síguenos

