



bLOSSom
Sistemas fotónicos autónomos e de baixo consumo enerxético para intelixencia artificial, telecomunicacións e contornos extremos

GRADIANT lidera o primeiro e único proxecto EIC Pathfinder Open coordinado por un centro tecnolóxico galego, deseñando sistemas fotónicos capaces de alimentarse coas súas propias perdas de luz e reducir o consumo enerxético entre 100 e 1.000 veces respecto ás solucións actuais.
O proxecto bLOSSom —Sustainable Photonic Systems through Autonomous Loss Harvesting— está enmarcado no programa EIC Pathfinder Open de Horizonte Europa, cun orzamento de 2,99 M€ financiados ao 100 % pola Comisión Europea. O consorcio, liderado cientificamente por Gradiant, reúne a 25 investigadores de alto nivel de catro países: o Łukasiewicz Research Network-Instituto de Microelectrónica e Fotónica (Polonia), Energius e CiTIUS-USC (España), o International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal) e F6S Innovation (Irlanda).
A proposta central de bLOSSom é aproveitar a enerxía parasita —as perdas de luz inherentes aos compoñentes fotónicos integrados— para realimentar eses mesmos compoñentes, reducindo drasticamente a súa dependencia de fontes externas de enerxía. Para iso explóranse tecnoloxías como unións polímero-plasmónicas electro-ópticas, unións PN tradicionais, materiais 2D como o grafeno e complexos fotosintéticos sintéticos, integrados con unidades de xestión de potencia (PMU).
Fotónica
Intelixencia artificial
Eficiencia enerxética
Centro Tecnolóxico
Data
2026-2029


Como primeiro resultado destacado do proxecto, Gradiant desenvolveu unha neurona fotónica autosostible —actualmente en proceso de patente— capaz de operar sen enerxía externa, recollendo e convertendo as súas propias perdas de luz en enerxía funcional, e decidindo de forma autónoma como distribuíla para activar os seus procesos. Esta innovación abre aplicacións directas na intelixencia artificial —reducindo o elevado consumo enerxético do adestramento e operación de modelos—, telecomunicacións, sector aeroespacial e contornos remotos ou extremos onde o subministro enerxético externo non é viable.
O liderado de bLOSSom reforza a capacidade de Gradiant para coordinar proxectos de alta complexidade a escala europea e contribúe de forma decisiva ao posicionamento de Galicia como polo de innovación en tecnoloxías fotónicas disruptivas, impulsando novas liñas de investigación, atraendo talento cualificado e xerando oportunidades de transferencia tecnolóxica.

