logo

ATIGA consolida o seu liderado tecnolóxico tras captar máis de 33 millóns de euros en I+D+i en 2025

Os centros tecnolóxicos integrados na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia reforzaron en 2025 o seu papel como un dos principais motores da innovación en Galicia tras captar máis de 33 millóns de euros en programas competitivos nacionais e autonómicos de I+D+i. Os datos foron analizados durante a reunión mantida este martes en Santiago entre representantes dos seis centros tecnolóxicos galegos e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.

O encontro serviu para poñer en valor a capacidade dos centros tecnolóxicos galegos para competir en convocatorias altamente esixentes, atraer financiamento estratéxico e transferir coñecemento ao tecido produtivo galego. Na reunión participaron representantes de AIMEN, ANFACO-CYTMA, CETIM, CTAG, GRADIANT e ITG, xunto coa directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a directora da Área de Talento e Transferencia da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño.

10,3 millóns en Programa Cervera

Un dos principais fitos acadados polos centros tecnolóxicos galegos durante 2025 foi a captación de 10,3 millóns de euros no Programa Cervera do CDTI, unha cifra que sitúa Galicia como a terceira comunidade autónoma en volume de fondos obtidos nesta convocatoria estratéxica orientada a reforzar a colaboración entre centros tecnolóxicos españois. Ademais, o importe conseguido triplica o acadado na edición anterior, consolidando o crecemento das entidades galegas en programas nacionais de alto impacto.

Grazas a este financiamento, os centros tecnolóxicos impulsaron dez proxectos estratéxicos vinculados a ámbitos prioritarios para Europa e para a competitividade industrial galega, como as tecnoloxías duais para a defensa, a intelixencia artificial aplicada á seguridade, a computación cuántica, os materiais avanzados, os sistemas enerxéticos intelixentes ou as tecnoloxías ómicas para o desenvolvemento de alimentos funcionais. Un destes proxectos obtivo, ademais, a máxima cualificación a nivel estatal.

Record de captación en programas europeos

A actividade desenvolvida polos centros tecnolóxicos galegos non se limita ao ámbito estatal. Entre 2021 e 2025, as entidades integradas en ATIGA captaron máis de 50 millóns de euros no programa europeo Horizon Europe, superando xa todo o financiamento europeo obtido durante o período Horizonte 2020, entre 2014 e 2020.

Este crecemento reflicte o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i e o posicionamento cada vez máis sólido de Galicia en ámbitos estratéxicos como a dixitalización, a intelixencia artificial, a seguridade, a transición enerxética ou a industria intelixente. Os centros tecnolóxicos galegos representan xa o 26,6 % de todo o financiamento europeo captado por Galicia en Horizon Europe, fronte ao 23,1 % que supoñían durante Horizonte 2020.

Cerca de 1.900 traballadores cualificados en plantel

Ademais dos resultados económicos e científicos, os datos presentados durante a reunión poñen de manifesto o importante impacto que os centros tecnolóxicos xeran sobre o emprego e a competitividade industrial galega. As entidades integradas en ATIGA contan actualmente con preto de 1.900 profesionais de 36 nacionalidades e desenvolven máis de 500 proxectos de I+D+i cada ano.

En 2025, os centros tecnolóxicos publicaron 123 ofertas de emprego e mantiveron elevados niveis de estabilidade laboral, cun 98 % de contratos indefinidos. Ademais, o 45 % do persoal son mulleres e o 64 % dos empregados conta con máis de tres anos de antigüidade, reflectindo a consolidación dun ecosistema de innovación estable e altamente cualificado.

No ámbito empresarial, os centros tecnolóxicos galegos continúan reforzando o seu papel como axentes clave de transferencia tecnolóxica. Actualmente traballan con preto de 2.000 clientes e contan con 175 patentes activas, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións innovadoras para sectores estratéxicos como a alimentación, a automoción, a enerxía, a aeronáutica, a seguridade ou a industria avanzada.

Casi 118 millóns de euros de ingresos en 2025

Os ingresos conxuntos dos centros alcanzan xa os 117,8 millóns de euros, sustentados nun modelo baseado na colaboración empresarial e na participación en programas competitivos autonómicos, nacionais e internacionais.

Durante o encontro, Román Rodríguez destacou o papel estratéxico que desempeñan os centros tecnolóxicos dentro do ecosistema galego de innovación e asegurou que «é un orgullo para Galicia contar con esta rede de centros». O conselleiro puxo especialmente en valor a capacidade das entidades integradas en ATIGA para captar fondos europeos, xerar emprego cualificado e conectar investigación, empresa e transferencia tecnolóxica.

Os centros, “un apoio básico para os sectores económicos”, según Rodríguez

Rodríguez subliñou ademais que os centros tecnolóxicos son «un apoio básico e fundamental para os sectores económicos máis estratéxicos da comunidade» e reivindicou a súa capacidade para converter o coñecemento en solucións con impacto real sobre a economía e a competitividade empresarial galega.

Pola súa parte, o presidente de ATIGA, Jesús Lago, destacou que 2025 foi «un ano de moita actividade» para os centros tecnolóxicos galegos e lembrou que a súa principal misión é axudar as empresas galegas «a traballar e competir coas mellores de Europa» mediante proxectos e servizos de I+D+i de carácter nacional e internacional.

Lago tamén puxo en valor a capacidade dos centros para desenvolver tecnoloxías aplicables a sectores estratéxicos como a alimentación, o transporte ou a aeronáutica, así como o seu traballo en ámbitos de vangarda como a computación cuántica, a robótica ou a intelixencia artificial.

Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.