A Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns para que a innovación chegue á industria galega
A Xunta de Galicia aproba a súa primeira estratexia específica de innovación empresarial, con horizonte 2028 e 14 actuacións articuladas en catro grandes eixes.
O programa Industrializa a Innovación, dotado con 66,5 millóns de euros, sitúa os centros tecnolóxicos galegos como axentes clave para transformar o coñecemento en novas solucións industriais.
A Xunta de Galicia aprobou a primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial, unha iniciativa que mobilizará máis de 400 millóns de euros ata 2028. O obxectivo: que a innovación non quede no laboratorio, senón que chegue á industria e xere emprego cualificado.
Baixo o lema Galicia, fábrica de innovación, a estratexia organiza os instrumentos de apoio existentes e incorpora novas medidas dirixidas ás empresas, especialmente ás pemes, e aos distintos axentes do ecosistema innovador.
O documento, aprobado polo Consello da Xunta o 19 de outubro, sitúa a industrialización da innovación como unha das súas principais prioridades: avanzar desde a xeración de coñecemento ata a súa validación, aplicación produtiva e chegada ao mercado.
A iniciativa foi anticipada o sábado 17 de outubro en Ferrol pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante unha reunión de traballo cos responsables dos seis centros tecnolóxicos integrados en ATIGA, na que tamén participou a directora do Igape, Covadonga Toca. Nesa reunión abordáronse as novas liñas de innovación empresarial.
4 eixes estratéxicos e 14 actuacións para impulsar a innovación empresarial
A Estratexia Galega de Innovación Empresarial organízase en catro eixes que abranguen todo o ciclo da innovación: desde que unha empresa decide innovar ata que obtén financiamento para ampliar a escala da súa actividade.
Activar a innovación nas empresas (47,4 millóns de euros)
O seu obxectivo é estender a cultura innovadora, especialmente entre as pemes, mediante a incorporación de talento e capacidades especializadas. Inclúe programas como Innocap Galicia, orientado a incorporar profesionais cualificados vinculados a proxectos de innovación, e Innova Mercado, destinado a favorecer a comercialización de produtos desenvolvidos por startups.
Potenciar a innovación (231,9 millóns de euros)
É o eixe con maior dotación económica e concentra as actuacións destinadas a desenvolver tecnoloxías propias e facilitar a súa aplicación industrial. Contempla iniciativas como TIC-MAQ, centrada en tecnoloxías e maquinaria avanzada; Accelerator Galicia, que combinará subvencións e financiamento coa participación do Igape e XesGalicia; e Industrializa a Innovación.
Estruturar e conectar (9,4 millóns de euros)
Pretende reforzar a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes do ecosistema. Destacan MatchINN Galicia, para conectar necesidades empresariais con solucións innovadoras, e Business Wallet Galicia, orientado a simplificar a relación administrativa coas empresas.
Movilizar a inversión (113,1 millóns de euros)
Busca facilitar os recursos necesarios para desenvolver e ampliar a escala dos proxectos tecnolóxicos. Inclúe instrumentos como XesTransforma e o Fondo Venture Studio, complementados con mecanismos de financiamento do Igape e XesGalicia.
A estratexia incorpora, ademais, un modelo de acompañamento empresarial personalizado, adaptado ao grao de madurez innovadora e ao potencial de crecemento de cada compañía.
Industrializa a Innovación: 66,5 millóns e un papel protagonista para os centros tecnolóxicos galegos
Unha das principais novidades da estratexia é o programa Industrializa a Innovación, que contará cunha dotación de 66,5 millóns de euros e cuxa posta en marcha está prevista para 2027.
Este instrumento de compra pública precomercial estará dirixido a sectores estratéxicos da industria galega e terá como obxectivo facilitar que os desenvolvementos tecnolóxicos poidan validarse, industrializarse e converterse en solucións con aplicación comercial.
A súa principal particularidade é o papel reservado aos centros tecnolóxicos, que actuarán como promotores de proxectos, reforzando a súa función como intermediarios entre a investigación, as capacidades tecnolóxicas e as necesidades do tecido produtivo.
Neste ámbito, os centros tecnolóxicos desempeñan unha función especialmente relevante. Coñecen tanto a investigación como os procesos industriais, e iso permítelles achegar solucións concretas a empresas que non sempre contan con recursos internos para desenvolvelas.
Desde ATIGA celebramos que a estratexia recoñeza explicitamente o papel dos centros tecnolóxicos e que aposte pola colaboración entre administracións, empresas e as nosas entidades como peza fundamental para converter a estratexia en resultados reais.
Obxectivos para 2028: máis empresas innovadoras, investimento e emprego cualificado
A estratexia parte dunha evolución positiva da I+D empresarial galega. Segundo os datos presentados pola Xunta, entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D aumentou un 71 %, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal empresarial dedicado a estas actividades medrou un 30 %, ata as 6.285 persoas.
Sobre esta base, a nova folla de ruta establece catro metas para 2028: incrementar un 25 % o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación, alcanzar máis de 4.200 profesionais dedicados a actividades internas de innovación e superar os 2.700 beneficiarios dos instrumentos públicos de apoio.
Máis alá destes indicadores, o desafío será reforzar a conexión entre coñecemento, tecnoloxía e industria para que o incremento das capacidades innovadoras se traduza nunha maior competitividade e en novas oportunidades empresariais.
Neste proceso, os centros tecnolóxicos galegos están chamados a desempeñar un papel fundamental, achegando capacidades científicas e tecnolóxicas, experiencia en innovación aplicada e colaboración directa coas empresas.
A nova Estratexia Galega de Innovación Empresarial abre, deste xeito, unha etapa na que industrializar a innovación se converte nunha prioridade compartida para fortalecer o tecido produtivo e xerar valor engadido en Galicia.
ATIGA aborda coa Xunta a nova estratexia para industrializar a innovación en Galicia
ATIGA, na primeira liña da innovación tecnolóxica nacional a través de meetechSpain 2026
Fabricación aditiva na industria: construíndo a presente capa a capa
A Cidade das TIC da Coruña é xa unha realidade
Salvador Naya (UdC): “Queremos que a AESIA atraia inversión e talento”
ATIGA acude a MeetechSpain 2023 para difundir a fortaleza da innovación galega
Síguenos

