ATIGA analiza en Bruxelas o futuro do financiamento europeo da I+D+i e as súas oportunidades para Galicia
O director xeral de ATIGA, Fernando Val, mantivo unha reunión con representantes da Fundación Galicia Europa para coñecer a súa opinión sobre as negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, que se están a desenvolver actualmente a nivel europeo, e as súas implicacións para os centros tecnolóxicos galegos.
Durante a súa visita a Bruxelas, tamén participou no grupo de expertos de EARTO (Asociación Europea de Centros Tecnolóxicos) sobre programas europeos de I+D+i, no que se debateu, entre outras cuestións, o futuro de Horizon Europe, o Fondo Europeo de Competitividade, as asociacións e as infraestruturas tecnolóxicas.

A Unión Europea está a definir as prioridades que marcarán o financiamento da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación durante a próxima década. Un proceso no que os centros tecnolóxicos teñen moito que achegar, tanto polas súas capacidades en infraestruturas tecnolóxicas como polo seu papel á hora de conectar e transferir tecnoloxía ás empresas, contribuíndo así a mellorar a competitividade en toda Europa.
Neste contexto, o director xeral da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Fernando Val, desenvolveu o martes 27 de outubro unha axenda de traballo en Bruxelas con dous encontros centrados no futuro das políticas europeas de I+D+i.
A xornada incluíu unha reunión con Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, e Vanessa Lobo, responsable de Políticas Europeas da entidade, na que intercambiaron perspectivas sobre as negociacións do próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034 e as posibles implicacións para Galicia e os seus centros tecnolóxicos.
Un novo orzamento europeo que pode cambiar as regras do financiamento da innovación
A Comisión Europea propuxo un orzamento de case dous billóns de euros para o período 2028-2034, cunha aposta por reforzar a competitividade, a autonomía tecnolóxica e a capacidade industrial da Unión.
Entre as súas principais novidades destaca a proposta de incrementar a dotación do próximo Horizon Europe ata os 175.000 millóns de euros, practicamente o dobre que no programa actual, e a súa estreita vinculación co novo Fondo Europeo de Competitividade, que pretende mobilizar investimentos cara a tecnoloxías estratéxicas e facilitar o percorrido das innovacións desde a investigación ata a súa aplicación industrial.
Esta formulación abre novas perspectivas para os centros tecnolóxicos, especialmente en ámbitos como a dixitalización, a descarbonización, os materiais avanzados, a biotecnoloxía ou as tecnoloxías de dobre uso.
Porén, as cifras e o deseño definitivo dos programas continúan estando suxeitos a negociación. Tamén está en discusión o futuro modelo de xestión dos fondos europeos, sobre o que se albiscan certos riscos, especialmente tras a recente publicación da posición do Consello da Unión Europea (Negotiation Box) e ante unha posible redución das contías inicialmente propostas pola Comisión Europea.
Para Galicia, un dos desafíos será garantir a participación das rexións na definición das prioridades de investimento, así como aproveitar as oportunidades de financiamento competitivo para reforzar as capacidades tecnolóxicas do seu tecido produtivo.
A voz dos centros tecnolóxicos no debate europeo
A axenda de Fernando Val en Bruxelas incluíu tamén a súa participación, o mesmo martes 27, na reunión do Grupo de Traballo sobre Programas Europeos de I+D+i de EARTO, a asociación europea de organizacións de investigación e tecnoloxía.
O encontro, acollido por ACCIÓ na Delegación do Goberno de Cataluña ante a Unión Europea, reuniu expertos europeos para intercambiar puntos de vista sobre o próximo programa marco de investigación, o Fondo Europeo de Competitividade, os futuros partenariados e a gobernanza das infraestruturas tecnolóxicas.
Estes debates resultan especialmente relevantes para organizacións como as integradas en ATIGA, que combinan capacidades de investigación aplicada, infraestruturas tecnolóxicas e colaboración directa coas empresas.
Neste contexto, EARTO vén defendendo a necesidade de preservar un financiamento ambicioso para a I+D+i europea e reforzar os instrumentos de investigación colaborativa e transferencia tecnolóxica.
A participación de ATIGA en ambos os encontros permite seguir de preto a evolución das políticas comunitarias, compartir a perspectiva dos centros tecnolóxicos galegos e anticipar os cambios que poden condicionar o seu acceso ao financiamento europeo.
Un traballo de interlocución especialmente importante nun momento no que Europa busca reforzar a súa competitividade industrial e transformar a súa capacidade investigadora en tecnoloxías, produtos e novas oportunidades empresariais.

A Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns para que a innovación chegue á industria galega

ATIGA aborda coa Xunta a nova estratexia para industrializar a innovación en Galicia

ATIGA, na primeira liña da innovación tecnolóxica nacional a través de meetechSpain 2026

ATIGA consolida o seu liderado tecnolóxico tras captar máis de 33 millóns de euros en I+D+i en 2025

A Cidade das TIC da Coruña é xa unha realidade

ATIGA acude a MeetechSpain 2023 para difundir a fortaleza da innovación galega
Síguenos

